Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

O que lle falta o tempo

Categoría: Lendas Galegas

23/03/2007 GMT 1

O Santo Grial en Pedrafita

nieve @ 19:46

grial.jpgNa mitoloxía celta documéntase con frecuencia a existencia de vasillas e mesmo armas que posuían propiedades máxicas.

Dagda, fillo de Danann, tiña no seu poder un caldeiro coa propiedade de resucitar os mortos. De feito, un relato galés refire que o rei Artur, o mesmo que fixeran Orfeo ou Xilgamés, descé aos infernos para se apoderar do caldeiro máxico. 

Este mito ten o seu paralelo dentro do corpo mitolóxico cristián na figura do Grial, ou Graal. 

 O Graal é o vaso, ou cálice que emprega Xesucristo na Derradeira Cea para beber e que Xosé de Arimatea utilizou para recoller o sangue do Mestre cando agonizaba no Gólgota, transportándoo, a seguir, á Gran Bretaña, onde se perdeu a súa pista.

Outras versións do mito estipulan que Satanás, ao ser expulso do Paraíso, deixou caer unha enorme esmeralda, que fou a materia prima da construcción do Graal. O seu garda é o Rei Pescador que fica ferido, mergullado na máis absoluta inmobilidade, e nun estado fronteirizo entre a vida e a morte, non achándose, propriamente, nin vivo nin morto.

(Arthur Cotterell, "Enciclopedia ilustrada de mitos y leyendas")  


Como queira que fose, a proucra do Graal resulta unha das máis sonadas xestas da materia de Bretaña.  

Segundo a lenda, o rei Artur está con todos os seus cabaliros da táboa redonda cando entra misteriosamente na estancia, pendurado do ar, sen que ninguén vexa quen terma del, e cuberto dun veludo branco, o santo Graal. O pazo fica ateigado de excelente fragancia, o Graal paira en volta das mesas e, sen que ninguén saiba como, desaparece. Entón Galván promete comezar a procura do Graal, ao que se suman os demais cabaleiros ("A demanda do Santo Graal" Manuscrito anónimo do século XIII) 
Debido a que todos están, en maior ou menor grau, en estado de impureza ninguén acada este obxetivo. Lanzarote consegue velo, mais polo seu pecado de adulterio con Xenebra, esposa de Artur, un vento ardente abrásao. Só o seu fillo Galaaz atinxe a contemplación do vaso santo. 
 

Vitor Vaqueiro, "Guía da Galiza Máxica"

16/03/2007 GMT 1

O mestre Mateo e o Pórtico da Gloria

nieve @ 21:35

Dentro da incomparable obra de arte en pedra que é a catedral de Santiago, a xoia mais preciada é sen disputa o Pórtico da Gloria, recoñecido como o mais notable monumento da arte cristiá do século XII. 

O Pórtico representa o cumio da escultura románica, no que esculpido na dura pedra do país aparece todo un tratado de teoloxía, segundo a idea que da eternidade tiñan as xentes do medievo. 

O autor desta maravilla foi o escultor e arquitecto Mateo, que tamén traballara na reconstrucción da Ponte Cesures, na igrexa de Cambre e no mosteiro de Carboeiro. 

Ó pé da columna central do Pórtico, pola súa banda posterior, Mateo esculpiuse a si mesmo, axeonllado en actitude humilde, cos ollos postos no altar do Apóstolo. Esta figura é coñecida popularmente como "o santo dos croques", alcume que lle vén dos croques que na súa cabeza dan os visitantes coa testa para que se lles transmita unha chispa do xenio que tivo o inmortal mestre. 

Sobre o "Santo dos croques" hai quen conta que cando xa estaban a piques de remata-las obras o arcebispo fíxolle unha visita ó Pórtico. O mestre Mateo foille referindo o significado de cada figura e a quen representaba nela. 

Despois de oí-las explicacións do escultor, o arcebispo quedouse mirando para o arco central, presidido pola figura de Cristo, rodeado dos catro evanxelistas e decatouse de que alí había unha figura da que Mateo non lle dera ningunha explicación. 

-¿E esa escultura a quen representa?- preguntou o arcebispo. 

Mateo botou un sorriso de disculpa. 

- Ese son eu - dixo-. Despois desta obra que acabo de facer, coido que son merecente de figurar representado na Gloria... 

Anoxado polo que consideraba inconcebible atrevemento do escultor, o arcebispo reprendeu con severidade a Mateo, quen aturou a reprimenda de ollos baixos e en silencio. 

Ós poucos días o escultor chamou ó arcebispo para lle mostrar unhas modificacións que fixera na súa obra. 

E o prelado viu que do tímpano central desaparecera aquela figura que tanto o alporizara. En troques aparecía unha nova escultura, axeonllada humildemente na parte traseira do Pórtico, no medio da escuridade. 

Naquela estatua penitente quixo representa-lo escultor o arrepentimento pola ousadía que o levara a facerse figurar a carón de Deus Fillo, e así, a través dos séculos, o sorriso humilde de Mateo segue a prega-lo perdón pola súa disculpable arroutada de orgullo.

Roldan e as tres costureiras de Puxares

nieve @ 21:31

En tempos moi remotos, cando viñera Roldán a España, din que había en Vilanuide, do auntamento de Quiroga, tres costureiras que vivían xuntas e soliñas elas tres nun outeiro algo apartado da población. E di a lenda que eran tres mozas moi ben feitas e goapas como hai ben poucas, e que Roldán, un día que as vio ao pasar no seu cabalo, foi tan gustante delas, que, de alí endiante, todo era vir a apresentarse ao pe da casa do outeiro, pra poder velas e falarlles. E din que tanto era o seu namoramento que chegóu a faguerlles moita cirimonia e regalía, e hasta a velalas polos camiños cando tiña ocasión. Pero elas veña a fuxir e decir que non querían escuitalo, pois creían que Roldán non viña con boas intenciós, e que o que il pensaba era rirse e burlalas. Pero il non se apuraba por tan pouco, e todas as tardes viña a cortexalas e namoralas pola porta, e Ave María, que hasta pensaba de levalas consigo ás Francias.

I entón elas, xa algo cansadas de velo rondar a casa día tras día, unha tarde que viñan da súa aldea, que se chamaba Puxares, enfrontáronse con il, e dixéronlle que non se cansase máis en seguilas, que non había de conseguir nada, que non querían tratos con ningún francés, que se fose de alí prá súa terra e as deixara en paz dunha vez. Pero il nunca se daba por vencido, e porfióu que, se non se lle entregaban polas boas, había de ser polas malas, e aínda tuvo atrevemento pra preguntarles cándo podía vir buscalas. E van elas e dícenlle:

    Hemos de ir contigo ás Franciascando veña o río Xares

por diante da nosa casa.

 I eso llo dixeron elas porque pensaban que era cousa imposible que tal acontecera, que o río Xares -que hoxe en día é o Bibéi- pasaba naquiles tempos por outro sitio moito máis pra diante. Pero roldán, ao sentirlles decir aquelo, non perdéu os ánimos, todo o contrario, pois o caso é que, valéndose de non sei qué meigallo ou demo, foise pola noite, e tornóu sin máis ni máis o curso do río. E, aló pola mañanciña, déronse de conta os veciños do que pasaba, e viñeron todos berrando mismo hasta a porta das tres mozas.   Costureiras de Puxaresvinde lavar as perniñas

ás augas do río Xares.

 E elas despertaron, e tomaron moito medo ao ver o río pola súa porta, e, con esto, saliron correndo como ánimas en pena, sin que as vise roldán, que estaba agardando, e colleron por un atallo, e salváronse de ser presas polos franceses ou polos mismos veciños, e de ter que cumplir aquelo que tiñan prometido. I entón fóronse a todo correr cara o val de Valdeorras, a seis ou sete kilómetros de Vilanuide. E os soldados viñéronlle coas novas da fuxida a Roldán, seu señor, que andaba todo contento no seu branco corcel. I así que sintíu aquelo, botóu o "nombre del Padre", e foise a escape en seguimento delas, a canta presa lle deu o cabalo e moi enrabechado polo feito. a tanto, que botaba el pola boca tantas chispas coma o cabalo polas ferraduras. E mais elas puideron pasar o río, non se sabe se voando como meigas ou se coa axuda do diaño. E así Roldán quedóu nunha veira i elas na outra. E, pra máis, o cabaleiro francés, dende a súa banda, non sabía que as tres costureiras seguían corre que te corre cara os poblados que alí había, no que hoxe se chama a Rúa. E, busca de aquí, busca de alí, marchóu solo no seu cabalo branco, sin avistalas nuca, e pensando que xa as tería tragado o río, hasta que, ao fin, chegóu á altura de Valencia do Sil, e descubríunas ao lonxe, a uns tres kilómetros, e co río Sil polo medio. I entón vai el, con tanta rabia como lle dera de ver fuxir aquilas condenadas costureiriñas, e que non lle foran de lei e faltaran á palabra dada, comenzóu a esporear no seu corcel que daba xenio, e a arreminalo pra saltar o río, e, de repente, ¡bumba!, o cabalo deu un brinco tan grandísimo que se plantóu namais que a unhos cen metros das costureiras, de maneira que deixóu pra sempre na pedra as pegadas das ferraduras, que aínda hoxe se poden ver, mismo ao pe dun camiño que vai prá serra. Logo, as costureiras, que se viron perdidas sin remedio ao ter xa case enriba delas a Roldán, bótanse ao chan e comenzan a chamar ao demo, e pedirlle que antes querían ser convertidas en mármores que verse conseguidas por Roldán. I o demo acodío de contado, e nun periquete, volvéunas tres pedras coma tres cabezos nas barbas de Roldán, que daquela debeo de tolear para sempre.

I esas tres pedras aínda hoxe é día que se poden ver, anque están xa desgastadas polas cuivias, e tamén polos rapaces que por alí andan a xogar e a gardar o gando.

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis