Irmandade da Fala da Coruña
Discurso pronunciado na sede da Irmandade da Fala da Coruña o día 16 de marzo de 1923, publicado o 1 de abril n’ANT
Manuel Lugrís Freire
O que eu podo dicirvos, en verdade, é que non fun in me sentín endexamais con pulos de apóstolo. Sinxelamente, nos primeiros anos da miña mocidade, ergueuse na miña alma a convición de que era fillo dunha terra asoballada, e que, liberándoa, acadaría a alta categoría de home libre e digno. Traballei, pois, para me redimir, para ter a fe nos altos destinos da Terra; traballei no meu favor, e nada cumpre que me agradezades por tal traballo... Nos tempos de agora, entre certos sectores da opinión, ten grande predicamente o cosmopolitismo. Eu, home das esquerdas, tamén son cosmopolita, mais soamete no senso xurídico; quero dicir, que a xustiza, a liberdade de todos os homes, o respecto a todos os lexítimos dereitos, o recoñecemento da dignidade humana, non deber ter fronteiras nin límites. Máis fixádevos ben, todo isto non ten efectividade se non se recoñece o home dentro da realidade, distribución e accidentes que no mundo o arrodea.... A denominación étnica de Galicia persistiu a través de todos os tempos da historia. As noticias máis antigas, as cartas máis vellas da xeografía, da sempre ás terras nosas a denominación de Galicia. Podemos dicir, sen medo a trabucarnos, que ningunha nacionalidade europea, tivo máis inalterablemente o seu nome étinco, e ben sabido é que tal denominación ten unha relación grande coa diferenciación das xentes que ocupan o territorio. Castela, Andalucía, Valencia, a mesma Francia e Inglaterra, son denominacións novas. Portugal non se chamou así ata os tempos da reconquista, en que tomou o nome do Porto, segundo os historiadores lusitanos. A lingua de Galicia, a que acadou máis axiña cultura literaria entre os idiomas hispánicos, ten características propias, vernáculas, que fan dela un instrumento orixinal. Á parte do seu réxime e construción, das particularidades da súa morfoloxía e do numero de sons que rexistra a súa fonética, a música, o “modus dicendi” e de tal natureza que rompe a semellanza con todas as demais, incluso co portugués. Cando eu fixen a miña gramática, na fonética portuguesa non achei nada, ou case nada de aproveitable. A vocalización do galego, agás da súa variedade, é clara e precisa, namentres que a do portugués é escura e indeterminada, de tal xeito qeu aínda os acostumados a ouvilo, deixamos de entender algunhas verbas, que graficamente teñen a mesma representación nos dous idiomas. As semellanzas que teñen entre si, non son dabondo para dicirmos que sexan a mesma lingua.... Seis séculos de tiranía, de persecución, de abafamento, de algraxe e ignominia, en que todo nos foi negado, en que a nosa fala era considerada como verbo de parias, en que todo se escribía en castelán, traballando para tan triste fin moitos dos seus fillos ¡Galicia vive, Galicia é inmortal! A nosa música, a nosa fala vivien con máis pureza e máis agasallada polas xentes, que nos tempos dos Reis Católicos. Galicia vive, porque ten todas as condicións que a etnografía recoñece pra que un pobo poida formar corpo de nación, para que teña dereito a arredarse do estado que só merece o nome de “administración”, mais nunca o de nación. Que así non pode nomearse unha xuntanza híbrida enque viven acorando pobos dignos de mellor sorte....

Chúzao
del.icio.us

