II REPÚBLICA - ANIVERSARIO
Trala dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera, o rei Afonso XIII intentou devolver ó debilitado réxime monárquico a lexitimidade popular. Para iso, o goberno presidido polo almirante Juan Bautista Aznar convocou unha rolda de eleccións escalonada, comezando polas municipais para seguir coas xerais. Tendo en conta as circunstancias, as eleccións municipais adquiriron un carácter de plebiscito en prol ou en contra da monarquía.
O 12 de abril de 1931 celebrouse a segunda rolda das eleccións municipais. Aínda que cuantitativamente saldáronse coa vitoria monárquica nas urnas (22.150 concelleiros monárquicos fronte a 5.574 republicanos)[1], cualitativamente o impulso republicano quedou de manifesto ó trunfar nas grandes cidades (41 das 50 capitais de provincia), é dicir, os núcleos menos vulnerables á influenza do caciquismo e á perversión do sistema electoral de 1907, que impedía a celebración de eleccións cando non houbera listas enfrontadas. Así o entendeu a elite monárquica e o propio Rei, que constataron a falta de apoio popular á orde estabelecida, renunciaron ó emprego da forza e abriron paso á proclamación da República. De tal xeito o 14 de abril de 1931 fíxose público o seguinte manifesto que ó día seguinte publicou ABC en portada:
Las elecciones celebradas el domingo me revelan claramente que no tengo hoy el amor de mi pueblo. Mi conciencia me dice que ese desvío no será definitivo, porque procuré siempre servir a España, puesto el único afán en el interés público hasta en las más críticas coyunturas. Un rey puede equivocarse, y sin duda erré yo alguna vez; pero sé bien que nuestra patria se mostró en todo tiempo ante las culpas si malicia. Soy el rey de todos los españoles, y también un español. Hallaría medios sobrados para mantener mis regias prerrogativas, en eficaz forcejeo con quienes las combaten. Pero resueltamente quiero apartarme de cuanto sea lanzar a un compatriota contra otro en fratricida guerra civil.
A II República Española proclamouse finalmente o 14 de abril de 1931: a primeira cidade na que se izou a bandeira tricolor foi Eibar (Guipúscoa), pero no mesmo día a imitaron as principais cidades españolas, como Madrid ou Sevilla.
En Cataluña, Francesc Macià proclamaba a República catalá e o Estado catalán como integrante da Federación Ibérica, convidando ós demais pobos de España a unírense en federación. Pola súa parte, Afonso XIII abandonou o país aconsellado polos seus ministros, sen abdicar formalmente, trasladándose a París, e fixando posteriormente a súa residencia en Roma. En xaneiro de 1941 abdicou en prol do seu terceiro fillo Juan, finando o 28 de febreiro do mesmo ano.
O escritor eibarrés Toribio Echeverría redacta, no seu libro Viaje por el país de los recuerdos (ISBN 84-7173-54-1) a proclamación da Segunda República en Eibar desta maneira:
...y antes de las seis de la mañana habíase congregado el pueblo en la plaza que se iba a llamar de la República, y los concejales electos del domingo, por su parte, habiéndose presentado en la Casa Consistorial con la intención de hacer valer su investidura desde aquel instante, se constituyeron en sesión solemne, acordando por unanimidad proclamar la República. Acto seguido fue izada la bandera tricolor en el balcón central del ayuntamiento, y Juan de los Toyos dio cuenta desde él al pueblo congregado, que a partir de aquella hora los españoles estábamos viviendo en República. (Toribio Echeverría, Viaje por el país de los recuerdos)
Na mesma data da proclamación asume o poder o goberno deseñado no Pacto de San Sebastián. Así pois, este comité revolucionario, presidido polo político ex-monárquico Niceto Alcalá Zamora, convértese no goberno provisorio da República e o seu presidente no xefe do Estado. Este goberno desenvolveu o seu labor dende o 14 de abril até o 14 de outubro de 1931. O obxectivo principal do goberno provisorio era a convocatoria de eleccións a Cortes constituíntes, mais realizou tamén un importantísimo labor lexislativo, sobre todo no referente á cuestión agraria. As eleccións se celebraron o 28 de xuño e deron de novo o trunfo á alianza republicano-socialista.

Chúzao
del.icio.us

