Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

O que lle falta o tempo

28/05/2007 GMT 1

Mitoloxía Galega

nieve @ 18:59

O SOL

O sol constitúe un dos principais elementos da mitoloxía galega. Os seus atributos esenciais permitiron asimilalo co apóstolo Santiago que foi para os primeiros cristiáns, en sentido místico, como o sol que esvaece as tebras da idolatría.  A fábula pagá vencellada ó culto do Sol é a de Xerión, morto e enterrado por Hércules debaixo da torre coruñesa, que aínda leva o nome do lendario vencedor e que veu esmaltar no escudo heráldico da Coruña. Hércules era a representación do Sol, e esa fábula non trata dun mito solar, nin encerra máis lembranzas cás referentes ó deus da luz, vencedor das sombras,ó que adoraban os galaicos.   Outro antigo romance galego representa ó Sol como un fermoso mancebo apoiado nun cetro de lampos, con barbas e cabelos louros, cabelo roxo do que saen, ademais, raios solares, tamén louros; e na linguaxe vulgar do país, o sol chámase "Lourenzo".   O remotísimo culto ó Sol en Galicia testemúñano tamén o "Ara Solis" de Ptolomeo, próximo ó cabo Fisterra. Esas tradicións están cheas dun sabor solar tan pronunciado cas peregrinacións que realizaban a Fisterra os que viñan visita-la tumba do Apóstolo, non facían máis ca repeti-las antigas tromenies célticas ó Ara Solis.   Seguramente, o medo e o acoro que infundiu nos antigos a visión que experimentaron ó chegar a Fisterra,  lugar no  que só se ollaba un infinito mar no que se mergullaba o sol, como se o océano o devorase, ó tempo que se escoitaba un fondo laio, crenza que inda hoxe sobrevive nalgunhas xentes desta  " Finisterrae".   A lenda de Ara Solis, quizais de orixe grega, refire que o pobo caldeo, que adoraba o sol, decidiu un día pescudar onde se escondía o astro durante as horas da noite. Abandonando os seus lugares natais, os caldeos comezaron o seu camiño cara a Occidente. O derradeiro lugar ao que chegaron foi Galicia. Alí foi onde se decataron de que o mar lles impedía continua-lo avanzo, ó mesmo tempo que descubrían que o Sol se asolagaba no océano. Convencidos de que entre as augas pasaba o astro adorado as horas da noite e abraiados perante aquel prodixio, decidiron construír naquelas terras un altar ó que puxeron de nome de "Ara Solis".  Hai tamén quen afirma que o cáliz e a hostia do escudo de Galicia son unha representación simbólica ou filtrada pola relixión cristiá do sol sobre o "ara".   Entre os nenos aldeáns crese que o Sol baila na mañá de San Xoán; e non son poucos os que acoden de madrugada a algún outeiro, provistos de cendais ou de cristais afumados, para contemplar e admira-lo marabilloso fenómeno que acada visos de realidade no seu maxín infantil.  Entre os pescadores existía o que se chamada " dar volta o sol" , e referíase ós días da segunda quincena de decembro, comprendidos entre o 19 e o 24, que é ata cando entra a sardiña nas rías galegas, cando dá volta o sol, ou sexa, cando comezan a medralos días logo de viren minguando.   O folclore galego  abundantísimo en tradicións e lendas, e as que pertencen entre outras as súas peregrinacións celtas á Ara Solis e ó Cabo Fisterra  logo de visita-lo sartego do Apóstolo son moi numerosas.   O culto ás estrelas fixo que a Vía Láctea se chame "Camiño de Santiago", que algúns cren se-la ruta das almas cara a eternidade.   O culto dos astros, en especial, do sol e da lúa, estivo antigamente arraigado en Galicia, e aínda o segue estando entre xente aldeá, segundo revelan fragmentos de romances populares que se conservan, e nalgúns dos que hai visibles reminiscencias pagás e supersticiosas. Por outra banda, o Ara Solís xustifica esas antigas crenzas, como as rememoran tamén non poucos costumes que aínda seguen vixentes nos nosos campos.


A Lúa

No mundo europeo occidental, no que Galicia se inclúe, atopamos dende hai case dous milenios unha fonte de orixe relixiosa que dotará ás festas de sentido cultural:  o cristianismo.   A nosa sociedade asimilou, nun proceso plurisecular, unha ideoloxía baseada nos principios emanados da igrexa, adaptándoos, iso si, as súas peculiares necesidades, o que pon de manifesto dúas cuestións:  1)A fixación dos ritmos temporais do ano.  2)O desenvolvemento dos cultos particulares a santos, ou os universais a María e Cristo. Mais a propia igrexa cristiá acabou conservando restos dun máis antigo calendario lunar que marca ciclos litúrxicos orientadores de numerosas festas. A este fenómeno nos remiten, os períodos de corentena que separan algunhas festas cristiás ou relacionadas co cristianismo: por exemplo corenta días hai entre a fin do Entroido e a Semana Santa.  A utilización da Lúa como referente faise patente na fixación das chamadas festas móbiles, todas elas condicionadas pola chamada Lúa Pascual, que serve para determina-la Pascua de Resurrección. Esta data establécese seguindo un cálculo a partir da Lúa, coas seguintes condicións:     A Pascua debe caer sempre en domingo. Este domingo debe ser o que segue ó décimo cuarto día (14º día) da lúa pascual, pasando o seguinte se este cae en domingo.  Lúa Pascual é aquela no que o seu 14º día ten lugar en, ou inmediatamente despois, do equinoccio de primavera. Se temos en conta que o equinoccio se fixa o 21 de Marzo. Polo tanto a Pascua nunca pode ser anterior ó 22 de Marzo nin posterior ó 25 de Abril, oscilando entre estas dúas datas segundo a Lúa.    A fixación da Pascua, como é ben sabido, inflúe na localización temporal da Semana Santa e tamén de festas móbiles anteriores ou posteriores; así, restando corenta días obteríamos a data da fin do Entroido e comezos da Coresma, e sumando corenta días ó Domingo de Pascua chegaríamos á Ascensión.   Outras datas complementarias serían, por exemplo, Pentecostés, 50 días despois de Pascua, que veu substituír unha vella celebración xudía de consagración das colleitas a Deus e de lembranza da promulgación da lei mosaica no Sinaí. A festa da Trindade, que se conmemora o domingo seguinte a Pentecostés.  Sen embargo, as novas orientacións da igrexa están desprazando as que caen no medio da semana ó domingo seguinte, como é o caso da festa do Corpus.   Tal como se amosa, na nosa civilización perviven restos dun calendario lunar que está cargado de significados cristiáns. Mais a impronta da cristiandade ponse de manifesto noutras moitas festas que xurdiron da implantación de cultos ós santos, á Virxe e a Cristo, que acabaron salpicando todo o calendario anual de festividades relixiosas.-  

Fonte consultada: "Breviario Enciclopédico" de Eladio Rodríguez Gónzalez.

Comentarios

Un Comentario »

  1. Sempre me fascinaron os relatos mitolóxicos.
    Todo moi interesante, disfrutei coa lectura.

    Ninsesabe | 04-06-2007 - 15:28:36 GMT 1 #

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis